Bos días de venres! Como se presenta este derradeiro día da semana? Espero que esteades desfrutando das novas cousas que podemos facer dende fai uns días!
O venres pasado coñecemos, un pouco máis, a Frida Kahlo. Hoxe, quería que nos achegaramos a un pintor chamado Piet Mondrian, un dos artistas máis influíntes do século XX, coñecido como o pintor dos cadradiños.
No vídeo que aparece a continuación, podedes aprender un pouquiño máis da vida deste autor, co que podedes apuntar certos datos para elaborar a ficha técnica deste pintor holandés!
Como se nos di no vídeo, un dos cadros de Piet Mondrian chámase "El árbol rojo". Que che parece se botas unha ollada ao teu arredor e plasmas coas cores que desexes algunha árbore que che resulte interesante ou a túa favorita.
Xa vimos tamén que era coñecido como o autor dos cadradiños. Nesta actividade, podemos representar algún dos seus cadros pero en volume. Anímaste?
* Unha cartolina, folio ou papel branco.
* Papeis de seda de cores: negro, azul, vermello, branco e amarelo.
* Pegamento.
Primeiro debemos facer boliñas co papel de seda negro. Unha vez feito isto, axudámoslle a facer as liñas rectas co pegamento ou cola, de maneira que vaiamos pegando os anaquiños de cor negra. Agora que temos a base preparada, podemos ir enchendo os cadradiños facendo boliñas das outras cores. Se non temos papel de seda, podemos empregar outros papeis de cores que teñamos na casa ou pintalos. Outra opción é empregar pintura para elaborar o cadro, por exemplo, o outros materiais que se vos ocorran.
Un saúdo para tod@s! ❤
Ningún comentario:
Publicar un comentario