venres, 29 de maio de 2020

Autorretrato!



Bos días de venres! Parece que vai estar un día ben soleado. 


Parece que a entrada de onte non chegou a publicarse así que hoxe aparecen dúas!


Neste caso, propóñovos unha moi sinxeliña pero tamén divertida. 


Como xa sabedes, hai moitos autores que facían os seus propios autorretratos. 


Van Gogh
Picasso

















Así, podedes facer o voso autorretrato pero dunha forma un pouco diferente. Sacando unha foto e realizando a simetría, é dicir, collendo unha metade da foto e debuxado a metade que falta. Mira un exemplo: 





















Animádesvos? Podedes compartir os resultados con todos nós no Padlet! Un saúdo ❤

Volcán de lava!


(Parece que onte xoves houbo algún problema e non se publicou a entrada)
Bos días de xoves! Que vos pareceu o quetzal? Coñeciádelo?

Hoxe propóñovos unha actividade un pouquiño diferente. Como xa sabedes, xa fixemos algunha manualidade na que o protagonista era un volcán, lembrades? 

Pero que é un volcán? Acordádesvos? 


Que vos parece? Hoxe imos facer outra representación dun volcán pero algo diferente. 

Mira o que precisamos para facelo: 

  • Un bote transparente
  • Auga
  • Colorante alimentario
  • Aceite vexetal
  • Unha pastilla efervescente
1. Botamos a auga, aproximadamente 1/4 do tamaño do bote. 

2. Engadimos o colorante alimentario, podes escoller o que desexes.

3. Unha vez mesturada a cor, engadimos o aceite moi despaciño para que non se formen burbullas. O ideal é inclinar un pouquiño o recipiente e deixalo caer . A cantidade será un pouco máis do dobre do que botamos de auga. 

4. Deixamos repousar uns minutos e introducimos a pastilla. Mesmo podedes botar outra pastilla. Aínda así, podes deixalo uns días, só tes que volver a empregar outra pastilla cando queiras ver o efecto. 

Aquí che deixo un titorial por se che resulta máis doado! 


Tamén podes convertir o volcán nunha lámpada de lava poñendo a lanterna do teléfono por debaixo do bote. Tendo coidado claro para que non caia a auga. Se o fas nunha habitación escura, seguro que o resultado é chulísimo!!

Un saúdo! 

mércores, 27 de maio de 2020

Q de quetzal!

Bos días de mércores! Como foron eses xogos populares? 




Hoxe preséntovos un poemiña moi interesante sobre a letra q que nos atopamos vendo estes días! A ver que vos parece! Aí o vai: 




Mirade que animaliño tan bonito! 

Coñeciades o quetzal? A que outro animaliño vos recorda? 

Vouvos deixar aquí unha imaxe coa idea de que a describades. Que pensades que come esta especie? Será un mamífero ou unha ave? De que está cuberto o seu corpo?

É grande ou pequeno? 

Podedes anotar moitas cousiñas para describir este animaliño e tamén podedes buscar máis información na rede que vos axude a coñecelo un pouquiño máis!  




Neste vídeo tamén podes escoitar o son do quetzal. Escoitaches algún son parecido algunha vez?



Tamén podes elaborar o teu quetzal: 


Un saúdo!❤

martes, 26 de maio de 2020

Xogos populares!



Bo día de martes! Que tal saíron os biscoitos? Non os comería Gato Pelado?


Hoxe neste día tan solleiro e aproveitando que podemos saír ao exterior xa fai uns días, quería propoñervos unha serie de xogos populares que podedes deseñar vós mesm@s e logo desfrutar xogando con eles. 

Aquí che deixo unhas ideas ben sinxeliñas para que escollas a que máis che apeteza!


1. O xogo da ra

Necesitaremos (podedes adaptar os materiais segundo do que dispoñades na casa): 

  • Goma eva
  • Pegamento
  • Perforadora
  • Unha bola de Porex
  • Tesoiras
  • Un rotulador negro
  • Un recipiente
  • Chapas de refresco 
Deixo un enlace no que podedes ver o paso a paso da súa elaboración e tamén descargar a plantilla da ra, aínda que sempre a podedes debuxar vós e quedará do máis bonita e orixinal!

Se clicas na imaxes podes acceder!!


2. Bolos

Necesitaremos(tamén os podes adaptar segundo os materiais dos que dispoñas na túa casa): 

  • Latas
  • Unha pelota
  • Materiais para decorar as latas

Só temos que facer unha pirámide coas latas e intentar derrubalas cunha pelota! Non se poden facer trampas eh!!

Animádevos, a ver cal vos divirte máis! Un saúdo ❤


luns, 25 de maio de 2020

Cocorico!

Bos días de luns! Agardo que desfrutarades desta fin de semana solleira e calorosa. 

Hoxe, como case cada luns, propóñovos un conto que de seguro que xa coñecedes pero que vos fará pasar un anaquiño entretido! 

A ver se con esta adiviña sabes quen é o seu protagonista! 

O meu pai di quiquiriqí,
a miña nai cocorocó
e pío-pío digo eu.

Quen son?

Si, o pitiño. Moi ben!! Seguro que o adiviñastes de seguida. 

Pois o conto de hoxe titúlase Cocorico. Déixoche o conto e tamén a canción a ver cal che gusta máis! 



















Agora que xa escoitaches o conto ou o liches, porque ao mellor xa o tes na casa, que che parece se elaboras un rico biscoito como o de Cocorico? Podes escoller a receita que desexedes ou que máis vos guste. 

E podes compartir con nós os resultados, para ver que rico che quedou! Pero ten coidado con Gato Pelado!!




Tamén podes realizar algunhas manualidades divertidas: 





















Un saúdo!❤

venres, 22 de maio de 2020

Reto de venres!

Bos días a tod@s! Xa case chega a fin de semana e hoxe pensei en deixarvos un reto sinxelo para rematar a semana. 

Podedes competir entre vós a ver quen chega antes pero sempre de maneira positiva. O importante é participar na actividade! 

Só precisamos: 


  • Papeis de cores
  • Tesoiras
  • Rotuladores ou ceras para decoralos
  • Palliñas para soplar
1. Temos que cortar tiras de papel duns 15 cm de largo e 5 cm de ancho. 

2. Recortamos coas tesoiras esas tiras de papel. 

3. Dobramos o papel pola metade. Despois, abrímolo e dobramos un dos lados ata a metade por dentro e logo de novo pola metade. O mesmo facemos co outro lado. 

4. Redondeamos as puntas coas tesoiras e despregamos. 

5. Decoramos os vermiños e xa están listos para soprar coas nosas palliñas. 




No seguinte vídeo podedes ver mellor o proceso aínda que é moi sinxelo!

Animádevos! Retade a quen queirades, podedes compartir con nós no Padlet os resultados!!

Un saúdo!❤







xoves, 21 de maio de 2020

Día Europeo Red Natura 2000

Bo día de xoves! 

Hoxe, un pouquiño en relación co que se celebraba onte, conmemórase o Día Europeo da Rede Natura 2000, para dar a coñecer a importancia dunha gran rede de espazos protexidos presentes en todos os países da Unión Europea. 

27.000 espazos protexidos e un millón de quilómetros cadrados en Europa forma a Rede Natura 2000, a maior aposta da Unión Europea por conservar as nosas especies e hábitats máis emblemáticos. 

Nestes enlaces, podes facer unha visita virtual por algúns parques naturais: 





Para celebrar este día, deixo un conto que nos convide á reflexión e ao coidado do noso medio ambiente. A ver que vos parece!


Ademais, baixo o lema El simple aleteo de una mariposa puede cambiar el mundo, a campaña fai un chamamento para que os cidadáns envíen unha foto facendo unha bolboreta coas mans a través da web www.natura2000day.es ou tamén no Padlet. 



Tamén podemos facer unha bolboreta, aquí algunhas ideas!



Un saúdo!❤

mércores, 20 de maio de 2020

Dia das Abellas 2


Bos días a tod@s! Como foi a aprendizaxe sobre as abellas? 


Que vos parecen estes animais tan interesantes? Como ben sabedes, hoxe é o Día Mundial das Abellas e penso que podemos seguir celebrándoo tendo en conta o que xa comezamos onte!

Que coñecestes das abellas onte? Que foi o que máis vos chamou a atención? Coñeces os distintos tipos que hai? 

Hoxe imos coñecer un personaxe importante na vida das abellas, o apicultor ou apicultora que coida e mantén as abellas. Aquí podes ver o traxe tan especial que visten para visitar a estes pequenos animaliños. Podes colorealo se che apetece ao tempo que les o nome de cada parte da que se compón. 




Tamén che propoño un xogo de simetría empregando o panal das abellas como base. Anímaste a completalo? Viches que forma ten cada celdiña? Son hexagonais. Podes probar a debuxalas a ver que tal che saen!


Pero cal é o proceso que segue o mel ata que podemos desfrutar del? Deixoche aquí unha imaxe do proceso. E a ti, gústache o mel? Tamén podes elaborar algunha receita con este manxar e amosarnos o resultado! 



Un exemplo de receitas con mel: https://ecocolmena.com/crepe-de-miel/

Tamén podemos facer unha visita virtual por un museo do mel. Animádevos!! Se clicas na imaxe, podes acceder á paxina do museo!




Agardo que desfrutedes das actividades! Un saúdo ❤

martes, 19 de maio de 2020

Día Mundial das Abellas


Bos días de martes!



Mañá mércores 19 de maio celébrase o Día Mundial das Abellas para crear conciencia sobre a importancia dos polinizadores, as ameazas ás que se enfrontan e o beneficio para toda a Terra. 


Por qué se celebra o 20 de maio? Foi en outubro de 2017 cando a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o 20 de maio como Día Mundial das Abellas coincidindo coa data de nacemento de Anton Jansa, que no século XVIII foi pioneiro nas técnicas modernas de apicultura no seu país de nacemento, Eslovenia.

O venres pasado falabamos na videoconferencia da polinización. Pensades que as abellas son importantes axentes polinizadores? Pois si, pois permiten a reproducción de moitas plantas. 





Podes deseñar o teu panal para as abellas, mira que manualidade tan divertida! Na imaxe podes acceder ao link da manualidade. 




Se clicas na imaxes, podes acceder a actividades LIM sobre o mel e as abellas!



Un saúdo para tod@s!❤



luns, 18 de maio de 2020

Os Bolechas


Hoxe comezamos unha nova semana! Como xa sabemos e xa vimos a semana pasada, onte domingo, celebrouse o Día das Letras Galegas, adicadas este ano a Ricardo Carvalho Calero. 

Para abrir boca, deixo unha cantiga en galego de Uxía e Magín Blanco, a partires dun poema de Manuel María, para desfrutar da nosa lingua e nunha tempada na que canta o cuco.
 




Xa nos achegamos a algunha das obras de Carvalho Calero como As pitas baixo a choiva. Hoxe quería compartir un recurso adicado a este autor, empregando os Bolechas. Se clicas na imaxe, poderás ler o conto adicado a Ricardo!




Ademais, propóñovos a realización dalgún marcapáxinas adicado a este día que vos pode acompañar nas lecturas do vosos contos. Podedes fixarvos nos recursos e deseñalo con esa axuda, debuxando a Carballo Calero, as pitas baixo a choiva, escribindo "Día das Letras Galegas 2020" ou pensar noutras ideas. 



Un saúdo, agardo que desfrutedes destes recursos!❤

venres, 15 de maio de 2020

Piet Mondrian

Bos días de venres! Como se presenta este derradeiro día da semana? Espero que esteades desfrutando das novas cousas que podemos facer dende fai uns días!

O venres pasado coñecemos, un pouco máis, a Frida Kahlo. Hoxe, quería que nos achegaramos a un pintor chamado Piet Mondrian, un dos artistas máis influíntes do século XX, coñecido como o pintor dos cadradiños.

No vídeo que aparece a continuación, podedes aprender un pouquiño máis da vida deste autor, co que podedes apuntar certos datos para elaborar a ficha técnica deste pintor holandés! 


Como se nos di no vídeo, un dos cadros de Piet Mondrian chámase "El árbol rojo". Que che parece se botas unha ollada ao teu arredor e plasmas coas cores que desexes algunha árbore que che resulte interesante ou a túa favorita. 



Xa vimos tamén que era coñecido como o autor dos cadradiños. Nesta actividade, podemos representar algún dos seus cadros pero en volume. Anímaste?


Que precisamos?: 

* Unha cartolina, folio ou papel branco. 
* Papeis de seda de cores: negro, azul, vermello, branco e amarelo.
* Pegamento. 


Primeiro debemos facer boliñas co papel de seda negro. Unha vez feito isto, axudámoslle a facer as liñas rectas co pegamento ou cola, de maneira que vaiamos pegando os anaquiños de cor negra. Agora que temos a base preparada, podemos ir enchendo os cadradiños facendo boliñas das outras cores. Se non temos papel de seda, podemos empregar outros papeis de cores que teñamos na casa ou pintalos. Outra opción é empregar pintura para elaborar o cadro, por exemplo, o outros materiais que se vos ocorran. 


Un saúdo para tod@s! ❤


xoves, 14 de maio de 2020

Algún reto de xoves!

Bos días! Como vai o xoves?


Agardo que pasarades un anaquiño entretido coñecendo a Carvalho Calero. Como quedaron eses microrrelatos? 

Que vos parece se hoxe propoñemos algúns retos que podedes realizar en familia? Animádesvos?


Reto 1: Ranita saltarina

Neste reto, faremos unha ra de origami coa que poderemos facer carreiras na casa cos nosos familiares para comprobar cal delas chega antes á meta. Que divertido!

Que precisamos: unha folla de papel cadrada que pode ser de diferentes cores ou branca e debuxamos nós a ra. O máis importante é realizar ben a derradeira dobradura que fai que a ra salte. Debe ser en forma de acordeón, o cal fai de resorte cando o presionamos co dedo. 

<
Reto 2: Tornado nunha botella

Parece que fai uns día se produciu un fenómeno deste tipo nalgún concello da provincia de Lugo con fortes ventos que levaron mesmo tellados. Pero que é un tornado? É unha tempestade propia de rexións tropicais, caracterizada por un vento foi forte que forma un remuíño. 

Hoxe imos tratar de recrear ese fenómeno nunha botella. Como? Pois aquí che deixo unha mostra. Podemos poñer colorante alimentario na auga para que se vexa mellor o efecto. 

O primeiro vídeo explica máis o que é un tornado e o segundo segue o proceso máis paso a paso para elaboralo. 




Espero que vos divirtan as propostas de hoxe! Un saúdo ❤

mércores, 13 de maio de 2020

Letras Galegas 2020

Como vai o mércores? 


Como sabedes, esta semana celebrariamos o Día das Letras Galegas e atopariámonos realizando algunhas actividades referentes a esta conmemoración. 


Este ano o autor homenaxeado é Ricardo Carvalho Calero. No seguinte vídeo podes achegarte un pouquiño máis á vida deste autor. Podes ir parando o vídeo e anotando algún dato que che resulte interesante! 



Unha vez visto o vídeo podes intentar responder algunhas das cuestións deste preguntoiro musical tan divertido sobre a figura deste escritor. 


Agora deixo aquí un texto adaptado polos compis doutro cole para que os nenos e nenas de infantil desfrutemos tamén da literatura de Carvalho Calero.

As pitas baixo a choiva é un relato breve que narra un feito anecdótico da infancia do autor. Descobre o neno desde a fiestra da casa que as pitas estanse a mollar e el téntaas facer entrar ó galiñeiro; elas asústanse e, ao final, todos os membros da familia acaban mollados como pitos.



Tamén vos achego unha alternativa que ofrece multitude de actividades que xa leva anos funcionando  e que se denomina Primavera das Letras. Entre as moitas actividades inclúese unha que comporta a creación dun microrrelato. Animádesvos, seguro que vos queda xenial! Se clicas na imaxe podes acceder a esa páxina. 




Podedes escoller as actividades que máis vos apetezan para celebrar dalgunha maneira o Día das Letras Galegas, aínda que a súa celebración oficial se adiara para o mes de outubro. 

Un saúdo para tod@s!❤

martes, 12 de maio de 2020

As nosas emocións


Como vai o martes? Aprendestes moito de Europa? 


Hoxe, martes, propóñovos un conto que vos gustaba no cole e fai tempo que non lemos. 


O seu título é O monstro de cores de Ana Llenas. 


Non sabe o que lle acontece, fíxose un lío coas emocións. Unha historia sinxela e divertida que introducirá a pequenos e grandes na fascinante linguaxe das emocións. 




Agora que recordamos o conto, que che parece se elaboramos un emocionómetro, similar ao que tiñamos no cole, no que vaiamos poñendo cada día como nos sentimos? Aquí che deixo algún exemplo:















Tamén podemos pasar un anaquiño entretido realizando algunhas actividades Lim sobre o monstro de cores! Podes acceder clicando na imaxe: 



Outras actividades ou xogos que podemos realizar, podedes obtelos clicando no seguinte enlace para escoller os que máis vos gusten!



Un saúdo de martes para tod@s!❤